Friday 03 de May de 2024

O plástico recollido nas praias duplica xa as cantidades de pellets recuperados


— O persoal mobilizado pola Xunta retirou dos areais preto de 4.200 quilos doutros plásticos en apenas seis días, fronte ao equivalente a 92 sacos de 25 quilos de pellets acumulados desde o inicio do dispositivo a comezos de mes

— O operativo de limpeza, composto por máis de 300 efectivos e 56 formadores de voluntarios, está a traballar hoxe en 63 praias de 30 concellos, aos que se suman dous helicópteros, catro embarcacións de gran porte e 13 patrulleiras menores do Servizo de Gardacostas despregadas por mar

— Ángeles Vázquez insiste na necesidade de que o Goberno central realice unha avaliación de riscos deste episodio e mobilice medios no medio mariño co obxectivo de recuperar sacos enteiros para mitigar a chegada do seu contido ás costas

— O Executivo galego está a conformar un comité científico en contacto con entidades investigadoras e organizacións ecoloxistas como Adega para que propoñan representantes para este organismo

— A vicepresidenta segunda destaca que o Goberno autonómico está a ultimar o informe do sucedido para darlle traslado á Fiscalía e que dirima as responsabilidades que considere oportunas ao tempo que pon en valor o traballo realizado polos técnicos da Administración galega e dos integrantes do Plan Camgal

O dispositivo despregado nos últimos días pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller xa case o dobre de plásticos asimilables a residuos urbanos que pellets.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, detallou que desde a activación do dispositivo a comezos de mes os medios do Executivo galego recuperaron o equivalente a 92 sacos de 25 quilos, mentres que o resto de plásticos retirados das praias -materiais que comezaron a recollerse o pasado martes- roldan xa os 4.200 quilos.

De feito, na xornada de onte o dispositivo mobilizado pola Xunta recuperou o equivalente a cinco sacos -incluído un saco enteiro recuperado polo Servizo de Gardacostas no litoral de Laxe- e sacou dos areais máis de 1.200 quilos doutros materiais compostos por plásticos.

Nesta liña, e para ter un balance global dos pellets recuperados, Ánxeles Vázquez explicou que o Goberno autonómico vai solicitar aos concellos que trasladen información das cantidades recollidas polo seu persoal ata este momento e para reforzar a colaboración para optimizar a súa xestión.

A representante do Executivo galego salientou que hoxe o operativo de limpeza en terra -composto por máis de 300 efectivos e 56 formadores de voluntarios- está a traballar en 63 praias de 30 concellos e a eles súmanse os medios por mar. Neste sentido, o Servizo de Gardacostas ten activados os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte -o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia- e 13 patrulleiras de menores dimensións. Mentres, o Goberno central unicamente mantén activado o avión Rosalía de Castro para facer voos de vixilancia.

Ángeles Vázquez reiterou a necesidade de que o Executivo central realice unha avaliación de riscos deste episodio para coñecer tanto a situación do contedor de pellets -por se ten sacos no seu interior- como a dos outros cinco que caeron ao mar. Ao mesmo tempo insistiu na importancia de que Salvamento Marítimo do Estado active medios propios para rastrexar o medio mariño posto que os dous sacos enteiros atopados por Gardacostas na fin de semana mostran a transcendencia de recollelos no mar para “evitar que se abran e vertan milleiros de partículas pois cada saco son 1,5 millóns de partículas de plástico que poden chegar á costa”.

Previsión de deriva
A representante do Goberno autonómico explicou que as simulacións e previsións de correntes dos próximos días apuntan a que “os pellets deberían dirixirse ao Cantábrico, o que non deixa de ser unha preocupación pois estamos a falar de plásticos que son prexudiciais para o medio ambiente”.

A vicepresidenta segunda tamén avanzou que se está a conformar un comité científico, do que se dará a coñecer mañá a súa composición. De feito, hoxe mantivo unha reunión con representantes da asociación ecoloxista Adega e mantén contactos con organizacións medioambientais e entidades investigadoras para que realicen propostas de incorporación dos seus representantes -biólogos, científicos ou especialistas na materia- a este organismo de estudo e avaliación de riscos.

Ángeles Vázquez explicou tamén que a Xunta está a ultimar o seu informe do sucedido para darlle traslado á Fiscalía e que dirima as responsabilidades que considere oportunas. Neste sentido, quixo salientar “o excelente labor” que realizaron desde o primeiro momento os técnicos do Executivo galego e do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).